martes, 9 de marzo de 2021

Músicas para os nosos poemas

 Algunhas ligazóns para buscarmos músicas galegas de mulleres galegas.

1. A páxina de Laura Romero e do seu proxecto Músicas Galegas Ilustradas.

As músicas están colocadas en orde alfabética e, de premeres nos nomes, accedes a máis información. 

2. Dúas listas de reprodución do youtube:

Músicas I


Músicas II  


Rosalía Fernández Rial

Na antoloxía poética No seu despregar, editada por Apiario en 2016 Rosalía Fernández Rial preséntasenos así:

(Carballo, Muxía, 1988)

"Son filóloga e doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática, mais tamén me (trans-) formei en artes escénicas. Quizais por iso, como escritora, prefiro que fale a obra. Individual e en verso: En clave de sol (Lumieira 2009), Átonos (Lumieira 2011), Vinte en escena (Edicións Positivias 2012), Un mar de sensacións (Semescons 2012), Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas 2014), Contra-acción (Neopàtria 2016). E en prosa acompañada: Follas de carballo (Lumieira 2011), Contos de taberna (Ed. Embora 2014).

Adoito reservar o acto enunciativo para o encontro directo en diversos proxectos de carácter teatral, ou ben para compartilo en organizacións e colectivos vinculados aos eidos literario, artístico ou educativo".

Outros poemarios publicados máis tarde pola autora serían Sacar a bailar (2016) ou o recente Árbores no deserto (Galaxia).

Publicou o ensaio Aulas sen paredes no ano 2016, froito da súa tese de doutoramento; como narradora, o libro de relatos Bonus track (Galaxia 2018). No que atinxe ao xénero dramático, destaca a escrita de "A lúa, válvula de spray", unha ficción sonora a través das rúas de Carballo dirixida por Quico Cadaval para o FIOT (Festival Internacional de Outono de Teatro).

Esta é a páxina da autora. Moi recomendable.


Nos seguintes vídeos podedes ver a presentación do seu último traballo poético, Árbores no deserto e unha entrevista no Zig Zag onde fala deste poemario e do seu proxecto teatral "A lúa, válvula de spray".



Se queredes ver a Rosalía Fernández Rial recitando máis poemas accedede a esta lista de reprodución.

E se queredes ver máis entrevistas a Rosalía Fernández, accede a estoutra lista de reprodución


Aquí vos deixamos algúns poemas de Rosalía Fernández Rial, para que vos pique o becho:


GÚSTO-NOS

Agarda!

Estamos atados

pola mesma lingua,

enredados en idéntica

papila gustativa.

Vibra. Bebe o ruxir

que nos deglute sen tragar.

Brinca o lume loiro

da fala lene.

Pero agarda.

Non rompas o compás.

As palabras de sabores

sóñannos saltos imposibles

sobre ápices entrelazados.

Podemos ser traficantes de padais

ou afinar o asubío desta serpe.

Podemos chuspir leras amargas;

sentir o doce tombo

dos beizos salgados.

E o bico barbitúrico da lúa.

Podemos protexer ós fuxitivos.

Mais agora agarda.

A única fronteira

é a nosa lingua de area. No horizonte.

Átonos (2011)


ESCENA I (ESQUECEMENTO)


Nunca

ninguén

nos agarda.

Xamais preguntaron por nós.

Quedamos varados

na patria da ausencia;

sen barco,

sen mar.

Desterráronnos

ás náuseas dun deserto

que esqueceu a súa area.

E, desde este corazón de ningures,

sopramos un vento que non zoa.

Ovento que habitamos

os nómades invisibles.

Tapáronnos

co rostro da nada.

Mais…

SÓ OS QUE ESTAMOS EN TEITO

PODEMOS VER AS ESTRELAS.

Vinte en escena, Positivas 2012

Musicado pol'A Banda da Loba en Bailando as Rúas (2017)


ESCENA III (TODAS AS RÚAS)

Demasiado frío

para durmir

- di o carambelo dos teus labios-.

Demasiado frío.

E á cidade non lle caben

os nosos corpos

nos seus petos.

Fóra

é o único lugar que nos pertence.

Mais non tremas, amor.

Os edificios son árbores

con necrópoles de niños,

illas afogadas

en océanos que non flotan.

“Eles” teñen

un furado de asfalto vertical,

unha fiestra sen luz

entre as fauces da noite.

E nós?

Nós, todas rúas.

Vinte en escena, Positivas, 2012

Musicado por Puntada Sen Fío en Prendeu a Luz (2015)


PONTE MÓBIL

Desde a marxe oposta,

o teu perfil sería

unha mancha

no horizonte;

minúscula

ausencia de luz

entre confíns celestes.

Se eu estivese noutra orela,

medirías igual que o meu dedo corazón.

Igual que o meu dedo,

corazón.

Entón, podería xogar contigo

sobre o gume das uñas

ou esmagarte

nun desvío de xema,

reducíndote á sombra

da miña marca dactilar.

Mais…

Estamos na mesma banda,

corazón

contiguo,

e non son quen

de cruzar o río

sen ti.

Ningún amante sabe conducir, Positivas (2014)


Recitado por Rosalía Fernández Rial con música de Pablo Vidal e vídeo de Delio Sánchez (2016) 

Recitado por Rosalía Fdez. Rial en Corentena cn poesía marzo de 2020


Era tan incisiva

a idea daquel verso

que me convertín en presa fácil

para ser cazada.

Encarnei o branco perfecto:

un corpo bitácora

agardando sangue,

con dianas por mamilas

e beizos en forma de anzol.

Deixei atrás os meus nomes,

o instinto literario,

a lingua.

Pensei que chegaban as palabras

cando o poema

me devorou.

Recollido en No seu despregar. Antoloxía poética, Apiario (2016)