Fotografía: Maria Helena Vieira da Silva | A poesia está na rua II, 1975 | Museu Arpad Szenes - Vieira da Silva
25. Flor de abril
Infórmame o peso dos pasos
sobre o incordio da realidade.
Mais se a flor se erguía
ergue
un fondo olor de liberdade
(e as palabras teñen por virtude
ser tan grandes como as ganas,
o querer, quero dicir).
E sumo coa miña a túa
na grande ramallada dos desexos.
E sabemos que sumando agradecemos
ser capaces en conquistar
da guerra tódalas batallas,
miña flor, meu caravel.
A poesia está na rúa, 25 Aniversário 25 Abril (1999)
REVOLTA
-Pois ti podes pararme, encomendarme
á vella relixión de nós parados,
brazos quedos e a morte nos meus labios.
Di podo. Quizás non olla-lo feito.
Ándanme sempre as mans facendo praias
imposibles; pode ser de non medrar
e caer no intento os dedos partidos…
(non, ¡o tigre revóltase aló dentro…!)
-Dicide pararás: nel anubarán
horizontes que amara, ebrio fincará
os pés no destino dos cadáveres…
E, erguido ou o século disculpado,
a gracia da praia virá comenzo,
destrucción e do inmóbil o desprecio.
SON AUGAS
Nas paredes escribiran mortos.
O vento trae maquinarias. Sorte
de ríos amarelos vén parar ás nosas mans;
atraio, quizais, os malos destinos
pois abrazo a morte, toda morte,
¿da vida? Ríos pesados de baleas
confonden os pasos que avanzamos.
E calo.
Ríos, ríos, só auga, coma ríos
sucesos acontecidos, contidos acenos
que desatamos, ríos que se desfollan.
¿Cando hemos desaparecer, cariño?
Fundida á confusión, ¡cómo agradezo!
Estufas tiran linguas
abrasadoras para cazarme.
E non se atrapan
reflexos das luces nos peiraos,
ás noites,
cando eles dormen.
Sempre. Comemorações populares 25 abril (Porto, 1987)
Poesías recollidas en XELA ARIAS, Poesía reunida (1982-2004), edición de María Xesús Nogueira, Xerais 2018
Ningún comentario:
Publicar un comentario