domingo, 25 de abril de 2021

Xela Arias e o 25 de Abril

 

Fotografía: Maria Helena Vieira da Silva | A poesia está na rua II, 1975 | Museu Arpad Szenes - Vieira da Silva


 25. Flor de abril 

Infórmame o peso dos pasos

sobre o incordio da realidade.

Mais se a flor se erguía

ergue

un fondo olor de liberdade

(e as palabras teñen por virtude

ser tan grandes como as ganas,

o querer, quero dicir).

E sumo coa miña a túa

na grande ramallada dos desexos.

E sabemos que sumando agradecemos

ser capaces en conquistar

da guerra tódalas batallas,

miña flor, meu caravel.

A poesia está na rúa, 25 Aniversário 25 Abril (1999)


REVOLTA

-Pois ti podes pararme, encomendarme

á vella relixión de nós parados,

brazos quedos e a morte nos meus labios.

Di podo. Quizás non olla-lo feito.


Ándanme sempre as mans facendo praias

imposibles; pode ser de non medrar

e caer no intento os dedos partidos…


(non, ¡o tigre revóltase aló dentro…!)


-Dicide pararás: nel anubarán

horizontes que amara, ebrio fincará

os pés no destino dos cadáveres…

E, erguido ou o século disculpado,

a gracia da praia virá comenzo,

destrucción e do inmóbil o desprecio.


Sempre. Comemorações  populares 25 abril (Porto, 1986)



SON AUGAS

 Nas paredes escribiran mortos.

O vento trae maquinarias. Sorte

de ríos amarelos vén parar ás nosas mans;

atraio, quizais, os malos destinos

pois abrazo a morte, toda morte,

¿da vida? Ríos pesados de baleas

confonden os pasos que avanzamos.

E calo.


Ríos, ríos, só auga, coma ríos

sucesos acontecidos, contidos acenos

que desatamos, ríos que se desfollan.


¿Cando hemos desaparecer, cariño?

Fundida á confusión, ¡cómo agradezo!

Estufas tiran linguas

abrasadoras para cazarme.

E non se atrapan

reflexos das luces nos peiraos,

ás noites,

cando eles dormen.



Sempre. Comemorações populares 25 abril (Porto, 1987)



Poesías recollidas en XELA ARIAS, Poesía reunida (1982-2004), edición de María Xesús Nogueira, Xerais 2018

martes, 9 de marzo de 2021

Músicas para os nosos poemas

 Algunhas ligazóns para buscarmos músicas galegas de mulleres galegas.

1. A páxina de Laura Romero e do seu proxecto Músicas Galegas Ilustradas.

As músicas están colocadas en orde alfabética e, de premeres nos nomes, accedes a máis información. 

2. Dúas listas de reprodución do youtube:

Músicas I


Músicas II  


Rosalía Fernández Rial

Na antoloxía poética No seu despregar, editada por Apiario en 2016 Rosalía Fernández Rial preséntasenos así:

(Carballo, Muxía, 1988)

"Son filóloga e doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática, mais tamén me (trans-) formei en artes escénicas. Quizais por iso, como escritora, prefiro que fale a obra. Individual e en verso: En clave de sol (Lumieira 2009), Átonos (Lumieira 2011), Vinte en escena (Edicións Positivias 2012), Un mar de sensacións (Semescons 2012), Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas 2014), Contra-acción (Neopàtria 2016). E en prosa acompañada: Follas de carballo (Lumieira 2011), Contos de taberna (Ed. Embora 2014).

Adoito reservar o acto enunciativo para o encontro directo en diversos proxectos de carácter teatral, ou ben para compartilo en organizacións e colectivos vinculados aos eidos literario, artístico ou educativo".

Outros poemarios publicados máis tarde pola autora serían Sacar a bailar (2016) ou o recente Árbores no deserto (Galaxia).

Publicou o ensaio Aulas sen paredes no ano 2016, froito da súa tese de doutoramento; como narradora, o libro de relatos Bonus track (Galaxia 2018). No que atinxe ao xénero dramático, destaca a escrita de "A lúa, válvula de spray", unha ficción sonora a través das rúas de Carballo dirixida por Quico Cadaval para o FIOT (Festival Internacional de Outono de Teatro).

Esta é a páxina da autora. Moi recomendable.


Nos seguintes vídeos podedes ver a presentación do seu último traballo poético, Árbores no deserto e unha entrevista no Zig Zag onde fala deste poemario e do seu proxecto teatral "A lúa, válvula de spray".



Se queredes ver a Rosalía Fernández Rial recitando máis poemas accedede a esta lista de reprodución.

E se queredes ver máis entrevistas a Rosalía Fernández, accede a estoutra lista de reprodución


Aquí vos deixamos algúns poemas de Rosalía Fernández Rial, para que vos pique o becho:


GÚSTO-NOS

Agarda!

Estamos atados

pola mesma lingua,

enredados en idéntica

papila gustativa.

Vibra. Bebe o ruxir

que nos deglute sen tragar.

Brinca o lume loiro

da fala lene.

Pero agarda.

Non rompas o compás.

As palabras de sabores

sóñannos saltos imposibles

sobre ápices entrelazados.

Podemos ser traficantes de padais

ou afinar o asubío desta serpe.

Podemos chuspir leras amargas;

sentir o doce tombo

dos beizos salgados.

E o bico barbitúrico da lúa.

Podemos protexer ós fuxitivos.

Mais agora agarda.

A única fronteira

é a nosa lingua de area. No horizonte.

Átonos (2011)


ESCENA I (ESQUECEMENTO)


Nunca

ninguén

nos agarda.

Xamais preguntaron por nós.

Quedamos varados

na patria da ausencia;

sen barco,

sen mar.

Desterráronnos

ás náuseas dun deserto

que esqueceu a súa area.

E, desde este corazón de ningures,

sopramos un vento que non zoa.

Ovento que habitamos

os nómades invisibles.

Tapáronnos

co rostro da nada.

Mais…

SÓ OS QUE ESTAMOS EN TEITO

PODEMOS VER AS ESTRELAS.

Vinte en escena, Positivas 2012

Musicado pol'A Banda da Loba en Bailando as Rúas (2017)


ESCENA III (TODAS AS RÚAS)

Demasiado frío

para durmir

- di o carambelo dos teus labios-.

Demasiado frío.

E á cidade non lle caben

os nosos corpos

nos seus petos.

Fóra

é o único lugar que nos pertence.

Mais non tremas, amor.

Os edificios son árbores

con necrópoles de niños,

illas afogadas

en océanos que non flotan.

“Eles” teñen

un furado de asfalto vertical,

unha fiestra sen luz

entre as fauces da noite.

E nós?

Nós, todas rúas.

Vinte en escena, Positivas, 2012

Musicado por Puntada Sen Fío en Prendeu a Luz (2015)


PONTE MÓBIL

Desde a marxe oposta,

o teu perfil sería

unha mancha

no horizonte;

minúscula

ausencia de luz

entre confíns celestes.

Se eu estivese noutra orela,

medirías igual que o meu dedo corazón.

Igual que o meu dedo,

corazón.

Entón, podería xogar contigo

sobre o gume das uñas

ou esmagarte

nun desvío de xema,

reducíndote á sombra

da miña marca dactilar.

Mais…

Estamos na mesma banda,

corazón

contiguo,

e non son quen

de cruzar o río

sen ti.

Ningún amante sabe conducir, Positivas (2014)


Recitado por Rosalía Fernández Rial con música de Pablo Vidal e vídeo de Delio Sánchez (2016) 

Recitado por Rosalía Fdez. Rial en Corentena cn poesía marzo de 2020


Era tan incisiva

a idea daquel verso

que me convertín en presa fácil

para ser cazada.

Encarnei o branco perfecto:

un corpo bitácora

agardando sangue,

con dianas por mamilas

e beizos en forma de anzol.

Deixei atrás os meus nomes,

o instinto literario,

a lingua.

Pensei que chegaban as palabras

cando o poema

me devorou.

Recollido en No seu despregar. Antoloxía poética, Apiario (2016)



domingo, 23 de xuño de 2019

Correlingua 2019

O galego é a fórmula

Artigo escrito para O Picurí por Alicia Nogueira, César de Bautista, Clara Iglesias, Belén Suárez (4º ESO) e Samuel Nogueira, Aitiana Serrano, David Fernández, Rubén Rodríguez. (1º ESO)



O alumnado da ESO no Correlingua 2019
O día 15 de maio, o alumnado da ESO fomos ao Correlingua 2019. Este é un acto que se realiza anualmente para reivindicar o uso do galego en todos os ámbitos.

Cada ano o Correlingua ten un lema e o deste foi “O galego é a fórmula”. Este lema fai referencia á prohibición do uso do galego nas disciplinas científicas nas escolas. Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía poderían, segundo esta norma, impartirse en inglés, mais non en galego.
Relacionado con este tema, había diversos concursos: de pancartas, de manifestos, de banda deseñada e de vídeo.

Pola mañá fomos ao auditorio de Ourense, onde se anunciaron as persoas gañadoras dos concursos. Ademais, o grupo de Melide Cuarta Xusta deu un concerto e uns alumnos do seminario tocaron unhas pezas na gaita.
Cuarta Xusta no concerto do Correlingua en Ourense

Despois dos actos no auditorio, encamiñámonos cara á Praza Maior de Ourense nunha manifestación para defender a nosa lingua. 


Para esta actividade, o alumnado de 3º e 4º da ESO elaborou un manifesto que presentou a concurso. Nel facemos referencia a semente que supón o alumnado galego falante e a necesidade de que esta semente medre nas xeracións máis novas. O manifesto chámase A Cerna da Lingua, como o blogue de 4º da ESO, que podedes consultar aquí


A CERNA DA LINGUA


Aquí estamos.
Dentro do primeiro círculo concéntrico,
na orixe do mundo.
Múltiples, diversas, diferentes… mais xuntas
Coladas entre nós coa forza das palabras.
Firmemente.


Duras, resistentes
no centro do universo.
Sabedoras do cheiro da auga e das castañas,
do sabor da nébeda,
da calor da pota de caldo e do forno de leña.
Expertas en alquimia. 
A fórmula somos nós.


Aquí estamos.
No corazón do castiñeiro.
A bailar xuntas en círculo máxico
e medrar para fóra.
Unha vez e outra vez e outra e outra máis...
Imparables neste deseño perfecto.


A fórmula somos nós.
Intactas despois do lume
ou da podremia.
A termar da árbore arredor nosa
con tanta forza que permanecerá en pé
até despois de térmonos ido.


E dicimos hidróxeno, osíxeno e pan
cando remexemos con forza a mestura
e deixamos levedar
e cocemos no forno
e multiplicamos a masa
por cen, por mil, maxicamente...


Coñecemos a fórmula, a química, a física.
Somos A Cerna da lingua.
A esencia, o núcleo, o corazón, a parte máis dura e resistente.
O xerme e o elo.
No castiñeiro ou no pan.
Posuidoras do segredo.
E ti, sabes xa cal é a fórmula?


Está en nós: o galego.

“A Terra Chá somentes é...”


Escrito para a revista O Picurí por Uxía Vázquez Pérez, Adrián Míguez González e Sheila de Sousa, 1º ESO



O día 12 de abril o alumnado do Club de Lectura “Levedar a Língua” acudiu a un roteiro pola Terra Chá para coñecer esta paisaxe tan querida por Manuel María, un dos autores que lemos neste curso.

O primeiro que visitamos foi o castro de Viladonga e o seu museo, no concello de Castro de Rei, un castro galaico-romano pertencente á coñecida como cultura castrexa e localizado nunha elevación a 535 metros sobre o nivel do mar, lugar desde o que se domina visualmente gran parte da chaira da Terra Chá. Comezou a escavarse no ano 1972 por M. Chamoso Lamas e foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 2009.


Castro de Viladonga, Castro de Rei


“Castro de Viladonga”

(…) Castro de Viladonga, círculo máxico,
símbolo do pai Sol e máis da Vida,
feito da mesma terra que o meu corpo,
arraigado no ser da miña tribo
como unha mao nobre e xenerosa
ou colo maternal, pois en Galiza
só hai feituras de colo e mao aberta.
Para quen, para que, por que
tantísima tenrura derramada…?
Castro de Viladonga, montón breve
de vellas pedras nas que vive
o silencio, a ruína, a soidade:
imaxe xusta e fiel da miña patria.

MANUEL MARÍA, Versos do lume e o vagalume, 1982





Pedregal de Irimia, Meira




Despois dirixímonos ao Pedregal de Irimia, no concello de Meira, lugar de nacemento do Pai Miño. O Pedregal parece un río de pedras organizadas coma un funil cunha extensión aproximada de 700 metros. Ao final deste funil apréciase un regato de auga que nace de numerosas fontes repartidas pola Serra.
Este lugar antes tiña unha paisaxe fermosa e víase desde os altos da Terra Chá, pero debido á plantación indiscriminada de eucaliptos, problema que se estende a toda Galiza, xa nin se ve desde o Castro de Viladonga. O responsable da fundación Manuel María díxonos que tiñamos sorte de ver o Pedregal aínda, porque dentro duns anos é probable que nin poida verse.


Despois do Pedregal de Irimia fomos á Carballeira de Santa Isabel, no concello de Outeiro de Rei, unha área recreativa onde xantamos e paseamos á beira dos ríos Ladra e Miño, que alí conflúen.

Este espazo natural, que foi campo da festa, tamén se chama “As Veigas” e nel atópanse a capela de Santa Isabel e un fermoso muíño. Tamén hai un monólito cun poema de Manuel María (“Carballos”: Terra Chá, dedicado ás árbores centenarias deste magnífico espazo natural). que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) colocou en homenaxe ao autor no ano 1997. 





Monólito en homenaxe a Manuel María, Carballeira de Sta. Isabel, Outeiro de Rei
"A vella, fermosa carballeira,
pon en nós un inquedo tremor respectuoso:
cada carballo é un ser vivo
que canta, sofre e ama.
A súa sombra é un enigma
na que non podemos penetrar
doadamente.
E a súa voz,
rouca e cambiante, ten
un tremor escuro de salmodia.
Que mensaxe nos quere transmitir
o seu canto humano e vexetal?"

MANUEL MARÍA, Ritual para unha tribo capital do concello, 1986


Pola tarde visitamos a Casa Museo Manuel María (“Casa de Hortas”), un espazo en que se atopa o legado de Manuel María, unha casa chairega onde o poeta pasou a infancia e ao que dedicou moitos versos. Alí atendeunos Antón Laxe que nos foi guiando polos diferentes espazos da casa e explicando a obra e importancia de Manuel María. Tamén lemos uns poemas que el escribira sobre a súa infancia e Antón fíxonos ver que, se cadra, a nosa vivencia era moi parecida a aquela que tivo Manuel María cando neno en Outeiro de Rei.

Podedes visitar este interesante espazo na seguinte ligazón e acceder a múltiples recursos, aínda que recomendamos visitala en persoa tamén: http://www.casamuseomanuelmaria.gal/portada.htm





(…) Eu nacín nunha casa moi fermosa
e, nela, deixei o meu pasado.
O tempo da nenez, o soño ousado
e a miña adolescencia tormentosa (..)

MANUEL MARÍA, Sonetos á casa de Hortas. 1997







A última parada antes de volver foron as Penas de Rodas, dúas orixinais moles graníticas situadas na parroquia de Gaioso. A erosión da auga deu lugar a estes dous bolos de gran tamaño e case esféricos. O lugar, cheo de simboloxía e lendas, é considerado un lugar de culto.




(…) As Penas de Rodas son
dous ollos alucinados
que espían con atención 
os eidos máis alonxados.

Se ambas penas se desfán
arde, co mundo, un tesouro:
unha pena é de alquitrán,
a outra trabe de ouro! (…)

MANUEL MARÍA, Terra Chá, 1954



Aquí tedes algunhas fotos máis.

Aprendendo a regueifar

Artigo escrito para O Picurí por Andreea Larisa Matei, Samuel Rodríguez, Luna Rodríguez, 1º ESO.




En 1º da ESO traballamos a improvisación oral en verso nas aulas de galego, aprendemos como se constrúe unha regueifa e fixemos varias ao longo do curso.

No mes de xaneiro viñeron á escola Alba María e Sara Marchena para faceren con nós un obradoiro e aprender de dúas mulleres que xa son un referente na regueifa galega. Aprendemos, por exemplo, a importancia que ten o último verso e que non debemos contar as sílabas, senón aprender a melodía e crear versos que entren nela. O curso pasado xa estivera Alba facendo obradoiros con todo o alumnado da ESO, pero nós era a primeira vez que asistiamos a un.

Nese dia, algunhas persoas do ENDL de 4º da ESO aproveitaron para entrevistar  Alba e Sara. Trataron cuestións ben interesantes como, por exemplo, a ferramenta tan poderosa que supón para unha persoa da nosa idade aprender a regueifar ou que ata hai ben pouco só se coñecía o nome de dúas mulleres regueifeiras, pero que iso non significaba que non existisen, senón que o contexto en que improvisaban sería doméstico, de tal maneira que non o facían en público e por iso se descoñecían os seus nomes. 

Aquí tedes esa entrevista





E ti, que sabes da regueifa?

A forma de improvisación oral galega máis coñecida popularmente, a regueifa, conservouse cunha certa vitalidade até mediados do século pasado, especialmente na provincia da Coruña, na Costa da Morte. 
Aquí van algúns nomes de regueifeir@s tradicionais en activo nos últimos anos: Florinda de Patricio,  Lola do Panadeiro, Maruxa a Chevarria, Suso  de Xornes, Benito Lobariñas, Luis O Caruncho, Ribeira de Louzarela, Guillermo de Rabadeira, Fermín da Feiranova... 
O IES Maximino Romero de Lema, de Baio, em Bergantiños, está nun proxecto de revitalización da regueifa, Proxecto Regueifesta, xunto ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, para impulsar a regueifa como forma de participación social no proceso de normalización da nosa lingua. Ese proxecto está apadriñado por Aurora de Baio, regueifeira de 103 anos, e Xairo de Herbón, de 11 anos. 

A regueifa sería un pan de voda, unha especie de dóce en forma de rosca, feito con fariña fina de trigo, ovos, manteiga, azucre e canela. Os asistentes á voda disputaban o reparto da regueifa cos cantares improvisados ao desafio. Tamén se chama regueifa unha danza que se bailaba nas vodas coa regueifa sobre a cabeza.
Son coplas cantadas a capela de catro versos, normalmente octosílabos, en que riman os pares.
En Lugo, a improvisación recibe o nome de brindo ou loia. En Ourense, fistores.

Pero hai moitas formas de improvisación oral por todo o mundo (Brasil, Cataluña, Portugal, Cuba…) que teñen características propias e que proban a importancia da expresión oral en todas as culturas e a súa  función social.

Regueifar é unha boa maneira de resolver conflitos mediante a palabra, de gañar seguridade, de aprender vocabulario, de que a cabeza non se enferruxe. 
Animámoste a regueifar.

Cantigueiro do Orcellón

Artigo escrito para a revista O Picurí por Andrea González, Antón Rodríguez, Adrián Fariña, 1º ESO






“O Carballiño faloume dereito ao corazón
e a súa voz
en min quedou, para sempre, sementada”

MANUEL MARÍA, Cantigueiro do Orcellón, Ediciós Avantar, 1984, O Carballiño









O día 14 de maio o alumnado de 1º da Eso e de 5º de Primaria fixemos o “Roteiro Manuel María” no Carballiño. Esta actividade foi organizada por varias escolas (O Carballiño, Maside e Cea) e pola AC Avantar, a agrupación cultural que editou por primeira vez O cantigueiro do Orcellón no ano 1984, un libro de poemas que o autor chairego dedicou á nosa comarca.

O roteiro está marcado na vila en varios lugares onde están escritos poemas pertencentes a este libro: Balneario, Praza das Galiñas, Concello, Fonte do Concello, Eira de Flores, Fonte de Flores e Veracruz.

Balneario do Carballiño

Comezamos a ruta no Balneario onde fixemos un xogo para formar grupos co alumnado doutras escolas. Con estes grupos fariamos as actividades marcadas ao longo da mañá. Alí o alumnado de Maside leu os poemas de Manuel María dedicados a Maside e Dacón. Pasamos por diante do auditorio, que agora se chama Auditorio Manuel María e onde hai unha placa dedicada a el.

Praza Maior
Continuamos ata á Praza das Galiñas onde lemos o poema “A feira” e despois fomos á Praza Maior, onde alumnado de Cea leu “Oseira” e “As panadeiras de Cea”. Despois fomos ao concello e á Fonte do Concello para ler os poemas das placas. 



Fonte do concello
Na fonte iniciamos o segundo xogo que se desenvolveu entre a Eira de Flores e a Fonte de Flores.

Finalmente chegamos á Veracruz, onde un alumno de Cea leu o poema e fixemos o último xogo que consistía en pedirlle a alguén da rúa que lese un poema de Manuel Maria e que puidésemos gravalo en vídeo.  Eran dez poemas escollidos da inmensa obra do autor que xa non estaban no Cantigueiro do Orcellón. 

Alumnado de Cea na Veracruz


A actividade finalizou coa lectura dun fragmento do poema A Fala por alumnado das tres escolas. Este día pasámolo moi ben e fixemos novas amizades.

Aquí tedes o vídeo.






Séchu Sende no clube

Xa rematado o curso, queda subir ao blogue algunhas das actividades sobre as lecturas das que fostes vendo algunhas cousas no noso Facebook e na páxina de Instagram.
Un dos autores deste curso en que quixemos colaborar co proxecto da escola "O Noso" foi Séchu Sende.




"Nom fagas caso da gente que di
que as palavras nom mudam o mundo!",
SÉCHU SENDE, 
A República das Palavras, Através Editora 2015

Os dous libros que lemos, Animais e A República das Palavras, están publicados por Através Editora.

Non hai nada máis noso que a lingua que falamos e a terra que pisamos. A chamada de atención para protexer o noso medio (o natural e o lingüístico) é precisa e urxente. Por iso escollemos estes libros.

Podes ler aquí unha entrevista a Séchu sobre A República das Palavras, Através Editora, 2015.

E neste artigo podes encontrar algunha información sobre Animais, Através Editora, 2010.




Séchu visitou o clube en febreiro, fixemos unha sesión de hipnose, falamos dos seus libros, de lingua, recitamos dous poemas que acababa de divulgar no seu Facebook e asinounos algúns dos exemplares para a biblioteca. Tamén nos deixou este fermoso debuxo.


Luna de 1º da ESO recreou un dos debuxos de Animais



Aquí tedes un vídeo dun dos poemas lidos con Séchu nese día




Na Festa das Letras, no mes de maio,  recordamos Séchu e os seus poemas.
Uxía e Sheila, de 1º da ESO, ou o alumnado de 3º tróuxonos de volta neste día as súas palabras.





luns, 3 de xuño de 2019

MARIÑA ARBOR ACHÉGANOS O PROXECTO LÍRICA



Quen é Mariña Arbor e que é o Proxecto Lírica?

Mariña Arbor Aldea foi alumna da nosa escola de Cea e actualmente é profesora no departamento de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Graduada en Filoloxía Hispánica, licenciada e doutorada en Filoloxía Románica, é premio extraordinario de doutoramente e premio Dámaso Alonso de investigación filolóxica. Ten investigado sobre literatura medieval e, especialmente, lírica profana galego-portuguesa, con varios traballos publicados sobre este tema e colaboracións en diferentes proxectos.


Este curso partillou xenerosamente con nós un proxecto moi interesante dirixido por ela e relacionado co patrimonio cultural da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: o Proxecto Lírica.

Este proxecto abrangue o estudo da historia, da arte e da literatura medievais co propósito de deseñar e elaborar produtos turísticos dixitais que nos permitan valorizar e dar a coñecer o inmenso patrimonio (natural e cultural) que nos rodea e que nos sitúa á altura doutros máis coñecidos a nivel mundial. Para iso se escolleron dúas rutas relacionadas con tres trobadores medievais dos que existe suficiente documentación: Fernán Páez de Tamalancos, da área do actual Tamallancos e Vilamarín; Joam Soarez Somesso, vinculado a Crecente; e Pero Meogo, vinculado á zona Norte de Portugal.

A primeira ruta comprende zonas das antigas terras da Castela ourensá seguindo unha frecha que sae do mosteiro de Oseira, concello de S. Cristovo de Cea, e ten a súa chegada no mosteiro de S. Clodio, no concello de Leiro.

A segunda ruta parte de Ribadavia ata as vilas portuguesas de Fiães, Melgaço e Monção, pasando polos concellos pontevedreses da Cañiza e de Crecente.

Os produtos finais serán un documental de carácter divulgativo, rodado nas zonas escollidas desas rutas, no que interveñen especialistas no tema. Outro produto serían aplicacións para móbiles que nos permitan realizar estas rutas con todas as informacións precisas. Tamén se realizou un vídeo lyric e un álbum de fotos que se exporá en diferentes lugares que participaron no proxecto.

A finalidade fundamental é aproveitar todas as investigacións que existen sobre a lírica galego-portuguesa e o contexto en que se xera e que, a pesar da súa enorme importancia, ás veces quedan nas aulas das Universidades e non chegan á poboación que vive nas zonas en que esa lírica foi creada.



Que fixemos na escola para coñecer este proxecto?

O primeiro era preciso que soubésemos o contexto en que esta literatura foi creada, como se vivía na Idade Media, como estaba dividido o territorio, que era a Castela medieval, como nace a literatura culta galega. Para isto Mariña veu un día á escola e tentou levarnos a esa época. Foinos explicando cunha presentación onde había mapas, debuxos e lugares por nós coñecidos. Explicounos como gravaran o documental e o vídeo lyric e mostrounos imaxes tiradas para este proxecto. Tamén trouxo con ela unhas magníficas edicións facsímiles de libros medievais.

Quedamos con ela para a semana seguinte, para poder facer un percorrido por algúns dos lugares relacionados coa literatura e arte medievais moi cerca da nosa escola. Nese día, alén de Mariña, tamén nos acompañou Javier Castiñeiras, especialista en arte Románica e actualmente profesor na Universidade de León. El escolleu os puntos para visitar ese día:


O mosteiro de Oseira: guiados por Javier, visitamos o mosteiro dunha maneira diferente á que podemos facelo habitualmente. Comezamos pola fachada, que non é románica, e alí Javier falounos da importancia deste mosteiro na Idade Media. Entramos na igrexa onde nos explicou, entre outras cousas, que románica deriva de Roma, falounos das bóvedas, do deambulatorio (que se usaba para pasear sen interromper os oficios), de que tivésemos en conta que na Idade Media o edificio non sería como nós o vemos agora, xa que faltan as pinturas e todas a teas e obxectos que alí habería (perdidos ou musealizados agora). Chamou a nosa atención sobre a Virxe do Leite, figura excepcional e valiosísima por pouco común.

Fomos tamén á Sala Capitular, de impresionante construción, e despois deixáronnos entrar na biblioteca de forma excepcional. Alí Mariña falounos da importancia deste lugar e dos libros que nel se gardaban (e que agora xa non se encontran alí). Hai que ter en conta que os mosteiros eran centros de poder onde se custodiaban documentos de propiedades, moi interesantes para a investigación. Tamén nos explicou como se copiaban os textos e que materiais se usaban. As mellores plumas eran as de pavo, as cores máis caras eran o vermello púrpura e o azul (do lapislázuli) e as máis baratas, o amarelo (do azafrán) ou o vermello (do becho da chumbeira).

O traballo dos amanuenses era difícil, non había luz eléctrica nin gafas, de tal maneira que se consumían enormes cantidades de velas. Os códices eran obxectos valiosísimos porque a súa elaboración e materiais eran custosos (as tapas podían conter ouro, ósos de balea, marfil, xoias…).

Desta forma os códices medievais eran un regalo moi apreciado e incluso se podían entregar como peñores nos empréstimos.

Cando saímos do mosteiro dirixímonos a S. Fagundo para visitar a súa igrexa románica. Moito máis simple que o mosteiro, esta igrexa conserva a fábrica románica na nave rectangular. Na porta de entrada hai cinco canzorros e na portada dúas arquivoltas. Na cara exterior do tímpano consérvase unha epígrafe moi erosionada o que dificulta a súa lectura. De todos os modos, segundo as últimas investigacións, a inscrición diría: E(ra) M: CCXLIIII: VIII: IDVS MARCII. (8 de marzo de 1206, data de finalización da obra ou de consagración da igrexa). Despois accedemos ao interior, onde puidemos ver a austera decoración da nave románica en contraposición coa cabeceira, reconstruída en época barroca. (Información da Enciclopedia Románico Digital)
A igrexa abríunola unha muller da aldea, Elisa, nai de Mariña. Hai que ter en conta o importante labor destas persoas que manteñen unha relación estreita co patrimonio e evitan o seu abandono (moitas das igrexas de Galicia xa non ofrecen culto e se o pobo non mantén un vínculo con este patrimonio, gardando a chave e mostrándoo ás visitas, o risco de abandono e deterioro é enorme).


Despois fomos ao pazo de Vilamarín para comer na súa contorna. En Vilamarín tería o seu pazo Fernán Páez de Tamalancos, o autor en que se centra unha das rutas do Proxecto Lírica.
Membro da liñaxe dos Varela, situada na terra de Búbal (actual Tamallancos e concello de Vilamarín), este autor galego está documentado a partir de 1197. Foi tenente do Búbal entre 1216 e 1242.
É un dos primeiros autores que escribe poesía lírica en galego e mantén relación con outros autores asentados na zona, como Osorio Eanes. (Información facilitada por Mariña Arbor o día do roteiro)


Na parte da tarde fomos á igrexa de Santa María de Ucelle, en Coles.

Alí hai un tímpano situado no muro sur da igrexa que presenta unha escena de xograría. Aparecen en baixorrelevo dous medios corpos. O da esquerda representa un músico en posición frontal que sostén na súa man dereita unha fidula oval (probablemente na outra man sostería un arco que unha fractura mutilou). A outra figura, pode que feminina, levanta na man dereita un pandeiro cuadrangular e coloca a outra man sobre o van, nunha postura que recorda ás danzas populares. Parece unha escena en que interveñen un xograr e unha xograresa ou soldadeira. (Escenas de juglaría en el Románico deGalicia, Ramón Yzquierdo Perrin).

Nesta igrexa Mariña leunos unha das cantigas de Fernán Páez de Tamalancos, autor do que tiña distribuído información no inicio do roteiro.

A última visita da xornada sería a igrexa de S. Martiño, en Cornoces, Amoeiro.


San Martiño de Cornoces resulta rechamante pola súa localización no alto dun outeiro, onde a toponimia da zona -O Castro- parece delatar un asentamento cristián sobre un antigo espazo castrexo. 

Esta igrexa foi construída en torno a 1200 e primeiras décadas do s. XIII. Destaca o tímpano da súa portada occidental, onde aparece figurado o titular do templo –San Martiño-, así como o conxunto de canzorros, de decoración bastante sinxela; e tamén a cruz antefixa que figura sobre a cabeceira. En calquera caso, o máis notable da igrexa é a ampla inscrición do muro exterior sur da nave. 

Nunha desas inscricións, a máis longa, podemos ver a data en que foi consagrada a igrexa (1200.05.16) e na outra podemos ler UR(r)ACE F(ernandi) QVE EA(m) FV(n)DITVS/EDIFICAVIT “Urrace Fernandi que eam funditus edificauit”. Segundo José António Souto Cabo trátase de “Urraca Fernandes, filha de Fernando Peres de Trava, mulher de Joám Airas de Nóvoa e mai do trovador Osório Eanes”. Outros autores interpretan que o F que aparece na inscrición debe entenderse como “filia”, de aí a súa lectura como “A filla de Urraca”. (Información tirada de “Ruta Deza- Cornoces” 





Recomendamos a lectura deste artigo de Historia de Galicia e ver esta entrevista a Mariña Arbor na TV local Telemiño.

Se queredes ver máis fotografías, podes ver nos ábums:

Mariña Arbor na escola (22/03/209)

Fotos do roteiro (29/03/2019)