Amosando publicacións coa etiqueta o noso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta o noso. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de xuño de 2019

MARIÑA ARBOR ACHÉGANOS O PROXECTO LÍRICA



Quen é Mariña Arbor e que é o Proxecto Lírica?

Mariña Arbor Aldea foi alumna da nosa escola de Cea e actualmente é profesora no departamento de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Graduada en Filoloxía Hispánica, licenciada e doutorada en Filoloxía Románica, é premio extraordinario de doutoramente e premio Dámaso Alonso de investigación filolóxica. Ten investigado sobre literatura medieval e, especialmente, lírica profana galego-portuguesa, con varios traballos publicados sobre este tema e colaboracións en diferentes proxectos.


Este curso partillou xenerosamente con nós un proxecto moi interesante dirixido por ela e relacionado co patrimonio cultural da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal: o Proxecto Lírica.

Este proxecto abrangue o estudo da historia, da arte e da literatura medievais co propósito de deseñar e elaborar produtos turísticos dixitais que nos permitan valorizar e dar a coñecer o inmenso patrimonio (natural e cultural) que nos rodea e que nos sitúa á altura doutros máis coñecidos a nivel mundial. Para iso se escolleron dúas rutas relacionadas con tres trobadores medievais dos que existe suficiente documentación: Fernán Páez de Tamalancos, da área do actual Tamallancos e Vilamarín; Joam Soarez Somesso, vinculado a Crecente; e Pero Meogo, vinculado á zona Norte de Portugal.

A primeira ruta comprende zonas das antigas terras da Castela ourensá seguindo unha frecha que sae do mosteiro de Oseira, concello de S. Cristovo de Cea, e ten a súa chegada no mosteiro de S. Clodio, no concello de Leiro.

A segunda ruta parte de Ribadavia ata as vilas portuguesas de Fiães, Melgaço e Monção, pasando polos concellos pontevedreses da Cañiza e de Crecente.

Os produtos finais serán un documental de carácter divulgativo, rodado nas zonas escollidas desas rutas, no que interveñen especialistas no tema. Outro produto serían aplicacións para móbiles que nos permitan realizar estas rutas con todas as informacións precisas. Tamén se realizou un vídeo lyric e un álbum de fotos que se exporá en diferentes lugares que participaron no proxecto.

A finalidade fundamental é aproveitar todas as investigacións que existen sobre a lírica galego-portuguesa e o contexto en que se xera e que, a pesar da súa enorme importancia, ás veces quedan nas aulas das Universidades e non chegan á poboación que vive nas zonas en que esa lírica foi creada.



Que fixemos na escola para coñecer este proxecto?

O primeiro era preciso que soubésemos o contexto en que esta literatura foi creada, como se vivía na Idade Media, como estaba dividido o territorio, que era a Castela medieval, como nace a literatura culta galega. Para isto Mariña veu un día á escola e tentou levarnos a esa época. Foinos explicando cunha presentación onde había mapas, debuxos e lugares por nós coñecidos. Explicounos como gravaran o documental e o vídeo lyric e mostrounos imaxes tiradas para este proxecto. Tamén trouxo con ela unhas magníficas edicións facsímiles de libros medievais.

Quedamos con ela para a semana seguinte, para poder facer un percorrido por algúns dos lugares relacionados coa literatura e arte medievais moi cerca da nosa escola. Nese día, alén de Mariña, tamén nos acompañou Javier Castiñeiras, especialista en arte Románica e actualmente profesor na Universidade de León. El escolleu os puntos para visitar ese día:


O mosteiro de Oseira: guiados por Javier, visitamos o mosteiro dunha maneira diferente á que podemos facelo habitualmente. Comezamos pola fachada, que non é románica, e alí Javier falounos da importancia deste mosteiro na Idade Media. Entramos na igrexa onde nos explicou, entre outras cousas, que románica deriva de Roma, falounos das bóvedas, do deambulatorio (que se usaba para pasear sen interromper os oficios), de que tivésemos en conta que na Idade Media o edificio non sería como nós o vemos agora, xa que faltan as pinturas e todas a teas e obxectos que alí habería (perdidos ou musealizados agora). Chamou a nosa atención sobre a Virxe do Leite, figura excepcional e valiosísima por pouco común.

Fomos tamén á Sala Capitular, de impresionante construción, e despois deixáronnos entrar na biblioteca de forma excepcional. Alí Mariña falounos da importancia deste lugar e dos libros que nel se gardaban (e que agora xa non se encontran alí). Hai que ter en conta que os mosteiros eran centros de poder onde se custodiaban documentos de propiedades, moi interesantes para a investigación. Tamén nos explicou como se copiaban os textos e que materiais se usaban. As mellores plumas eran as de pavo, as cores máis caras eran o vermello púrpura e o azul (do lapislázuli) e as máis baratas, o amarelo (do azafrán) ou o vermello (do becho da chumbeira).

O traballo dos amanuenses era difícil, non había luz eléctrica nin gafas, de tal maneira que se consumían enormes cantidades de velas. Os códices eran obxectos valiosísimos porque a súa elaboración e materiais eran custosos (as tapas podían conter ouro, ósos de balea, marfil, xoias…).

Desta forma os códices medievais eran un regalo moi apreciado e incluso se podían entregar como peñores nos empréstimos.

Cando saímos do mosteiro dirixímonos a S. Fagundo para visitar a súa igrexa románica. Moito máis simple que o mosteiro, esta igrexa conserva a fábrica románica na nave rectangular. Na porta de entrada hai cinco canzorros e na portada dúas arquivoltas. Na cara exterior do tímpano consérvase unha epígrafe moi erosionada o que dificulta a súa lectura. De todos os modos, segundo as últimas investigacións, a inscrición diría: E(ra) M: CCXLIIII: VIII: IDVS MARCII. (8 de marzo de 1206, data de finalización da obra ou de consagración da igrexa). Despois accedemos ao interior, onde puidemos ver a austera decoración da nave románica en contraposición coa cabeceira, reconstruída en época barroca. (Información da Enciclopedia Románico Digital)
A igrexa abríunola unha muller da aldea, Elisa, nai de Mariña. Hai que ter en conta o importante labor destas persoas que manteñen unha relación estreita co patrimonio e evitan o seu abandono (moitas das igrexas de Galicia xa non ofrecen culto e se o pobo non mantén un vínculo con este patrimonio, gardando a chave e mostrándoo ás visitas, o risco de abandono e deterioro é enorme).


Despois fomos ao pazo de Vilamarín para comer na súa contorna. En Vilamarín tería o seu pazo Fernán Páez de Tamalancos, o autor en que se centra unha das rutas do Proxecto Lírica.
Membro da liñaxe dos Varela, situada na terra de Búbal (actual Tamallancos e concello de Vilamarín), este autor galego está documentado a partir de 1197. Foi tenente do Búbal entre 1216 e 1242.
É un dos primeiros autores que escribe poesía lírica en galego e mantén relación con outros autores asentados na zona, como Osorio Eanes. (Información facilitada por Mariña Arbor o día do roteiro)


Na parte da tarde fomos á igrexa de Santa María de Ucelle, en Coles.

Alí hai un tímpano situado no muro sur da igrexa que presenta unha escena de xograría. Aparecen en baixorrelevo dous medios corpos. O da esquerda representa un músico en posición frontal que sostén na súa man dereita unha fidula oval (probablemente na outra man sostería un arco que unha fractura mutilou). A outra figura, pode que feminina, levanta na man dereita un pandeiro cuadrangular e coloca a outra man sobre o van, nunha postura que recorda ás danzas populares. Parece unha escena en que interveñen un xograr e unha xograresa ou soldadeira. (Escenas de juglaría en el Románico deGalicia, Ramón Yzquierdo Perrin).

Nesta igrexa Mariña leunos unha das cantigas de Fernán Páez de Tamalancos, autor do que tiña distribuído información no inicio do roteiro.

A última visita da xornada sería a igrexa de S. Martiño, en Cornoces, Amoeiro.


San Martiño de Cornoces resulta rechamante pola súa localización no alto dun outeiro, onde a toponimia da zona -O Castro- parece delatar un asentamento cristián sobre un antigo espazo castrexo. 

Esta igrexa foi construída en torno a 1200 e primeiras décadas do s. XIII. Destaca o tímpano da súa portada occidental, onde aparece figurado o titular do templo –San Martiño-, así como o conxunto de canzorros, de decoración bastante sinxela; e tamén a cruz antefixa que figura sobre a cabeceira. En calquera caso, o máis notable da igrexa é a ampla inscrición do muro exterior sur da nave. 

Nunha desas inscricións, a máis longa, podemos ver a data en que foi consagrada a igrexa (1200.05.16) e na outra podemos ler UR(r)ACE F(ernandi) QVE EA(m) FV(n)DITVS/EDIFICAVIT “Urrace Fernandi que eam funditus edificauit”. Segundo José António Souto Cabo trátase de “Urraca Fernandes, filha de Fernando Peres de Trava, mulher de Joám Airas de Nóvoa e mai do trovador Osório Eanes”. Outros autores interpretan que o F que aparece na inscrición debe entenderse como “filia”, de aí a súa lectura como “A filla de Urraca”. (Información tirada de “Ruta Deza- Cornoces” 





Recomendamos a lectura deste artigo de Historia de Galicia e ver esta entrevista a Mariña Arbor na TV local Telemiño.

Se queredes ver máis fotografías, podes ver nos ábums:

Mariña Arbor na escola (22/03/209)

Fotos do roteiro (29/03/2019)







mércores, 7 de novembro de 2018

Lemos e levedamos o noso






Esta semana temos as primeiras reunións do clube Levedar a Lingua.

Queremos aprender de nós mesmas, daquilo que temos próximo, do que sucedeu na nosa aldea hai tempo, do que cantamos, vivimos, soñamos, sentimos un día, do que nos rodea agora e, quen sabe, se tamén nos dará para falarmos do futuro. Tentaremos colaborar co proxecto da escola "O noso", de aí o noso nome para este curso, que dá título a esta entrada.

Comezamos, pois, a nosa andaina cun masacre que sucedeu en Oseira o 22 de abril de 1909 e con dous libros que fan referencia a este feito e xa están na biblioteca:

Un ollo de vidro, Memorias dun esquelete, de A. Daniel Rodríguez Castelao, publicado pola editorial Céltiga en 1922.

Xente ao lonxe, Eduardo Blanco Amor, 1972. Leremos a edición restaurada de 2014, a primeira que, grazas ás investigacións de Xosé Manuel Dasilva, reconstrúe definitivamente a versión orixinal, fanada pola censura nos anos 70.






luns, 29 de outubro de 2018

Pasar a mellor vida



Coñeces algún cemiterio galego no que se organicen visitas para turistas?
Sabes onde está soterrada Asunción, a primeira muller rexistrada como vítima de violencia de xénero?
Hai algún cemiterio nos concellos de S. Cristrovo de Cea ou Piñor cunha escultura de Antón Faílde?
Sabes de cantas maneiras podemos expresar en galego o momento da morte?

Nesta entrada ofrecémosche algunhas ligazóns onde poderás encontrar resposta a estas preguntas:

  • O primeiro é unha selección que o xornal dixital Praza Pública fixo de doce cemiterios galegos e que podes consultar  aquí


  • Tamén che recomendamos que visites a páxina do concello de Piñor, onde recollen unha selección de monumentos funerarios ben interesantes. Entra aquí


  • Por último, e sobre a maneira de denominarmos a morte en galego, recomendámosche varias lecturas, segundo teñas máis ou menos curiosidade. Fíxate primeiro no que di Alonso Montero:


“O morrer é algo tan importante, orixina tal multitude de reaccións (tristura, xenreira, medo...) que, por forza, un idioma vese na obriga de forxar as denominacións concordes co mundo das inquedanzas que a morte provoca entre as xentes. O morrer non sempre se presenta como un feito grave ou doloroso. Xusto por ser un feito patético, unha terrible mágoa, é polo que o home inventa os eufemismos, é dicir, aquelas fórmulas que, aludindo a unha realidade tremenda, réstanlle tremendismo (finar, falecer, entregar a alma, irse etc. no canto de morrer). Tamén o humor, a rexouba e mais o xogo poden presidir algunha denominación cando concorren algunhas circunstancias (irlle gardar os pitos ó cura, ir dar esterco). Neses intres nós estamos por enriba da morte, perdémoslle o respecto, e podemos xogar a nomeala de cen maneiras expresivas. Non nos estrañe, pois, que a realidade “morrer” orixine en calquera lingua un feixe, non pequeno, de denominacións. Xesús Alonso Montero, “As duascentas vinte maneiras de morrer en Galicia” (adaptado)

Podes buscar algunhas desas maneiras na primeira unidade do manual Para dar trela
Se tiveres moita curiosidade, podes descargar nesta ligazón unha comparativa ben curiosa entre o galego e o alemán para referirse á morte (da páxina 83 a 97): 


De morrermos en galego ou de epitafios falaremos noutro artigo.

Imaxe: cemiterio de Loeda do blogue https://imaxesenanacos.com/2014/03/28/un-poeta/