Amosando publicacións coa etiqueta Castelao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Castelao. Amosar todas as publicacións

mércores, 7 de novembro de 2018

Noela Gutiérrez

Adianto da curtametraxe que Noela Gutiérrez gravou este verán en Lalín, baseada en Un ollo de vidro



Lemos e levedamos o noso






Esta semana temos as primeiras reunións do clube Levedar a Lingua.

Queremos aprender de nós mesmas, daquilo que temos próximo, do que sucedeu na nosa aldea hai tempo, do que cantamos, vivimos, soñamos, sentimos un día, do que nos rodea agora e, quen sabe, se tamén nos dará para falarmos do futuro. Tentaremos colaborar co proxecto da escola "O noso", de aí o noso nome para este curso, que dá título a esta entrada.

Comezamos, pois, a nosa andaina cun masacre que sucedeu en Oseira o 22 de abril de 1909 e con dous libros que fan referencia a este feito e xa están na biblioteca:

Un ollo de vidro, Memorias dun esquelete, de A. Daniel Rodríguez Castelao, publicado pola editorial Céltiga en 1922.

Xente ao lonxe, Eduardo Blanco Amor, 1972. Leremos a edición restaurada de 2014, a primeira que, grazas ás investigacións de Xosé Manuel Dasilva, reconstrúe definitivamente a versión orixinal, fanada pola censura nos anos 70.






luns, 15 de outubro de 2018

A derradeira leición do mestre



A derradeira leición do mestre é un óleo de dous metros de alto pintado por Castelao para un acto celebrado no centro ourensán de Bos Aires o  17 de agosto de 1945. O acto, instaurado por Castelao no seu exilio como o Día dos Mártires Galegos,  é unha homenaxe a Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936 por “traizón”. 

O óleo do 1945 ten a súa orixe nun debuxo, o número 6, de Galicia Mártir (1937), que xunto con Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938) foma parte dos coñecidos como Álbums da Guerra.

Do debuxo orixinal fixéronse miles de reproducións en revistas e, no ano 1939, a República converteuno nun selo, o de 90 céntimos. O propio Castelao iniciou unha longa viaxe que o levou nos anos 37 e 38 por varios lugares do mundo para describir os horrores da guerra en España através destes seus debuxos. 

Cando Castelao morre, en xaneiro de 1950, é dada a orde, desde a Dirección General de Prensa de Franco, de non facer mención ningunha na súa necrolóxica a “los álbumes de la guerra civil”, entre outras cuestións.


Por que estaba Castelao no exilio, no que morreu,  cando pintou o cadro? Quen era Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936? Onde está conservado ese cadro? Que simboliza?

Por que pinta Castelao eses Álbums da guerra? En que ano o fai e en que contexto? Cando puideron publicarse eses álbums na Galiza? Onde están conservadas as estampas orixinais? 



Castelao foi debuxante, pintor, escritor e político. En moitas das súas obras artísticas combina a literatura coa pintura e, en todas elas, agroma o seu pensamento político, condensado finalmente no ensaio Sempre en Galiza.


Para entendermos Castelao debemos coñecer a  súa obra de primeira man, ver os debuxos, os cadros, ler os textos. Debemos coñecer tamén o contexto en que vive para analizarmos despois cal era a súa intención cando crea, por exemplo, “A Marquesiña” de Cousas, os contos de Retrincos, o ensaio Sempre en Galiza ou o cadro A derradeira leición do mestre.


Non podemos entender a transcendencia de Castelao se non sabemos nada da Galiza da época en que viviu: das Irmandades da Fala, da intensa campaña a favor do I Estatuto de Autonomía (aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936 por unha enorme maioría do pobo galego), do golpe de estado do 18 de xullo de 1936 para derrocar a II República, da violencia, da represión, da posterior ditadura.


É moi difícil entendermos a dimensión do cadro na súa totalidade se non lemos algo sobre isto todo. No mínimo deberiamos ver os seguintes documentos:


  • Sobre a represión en Galicia, o episodio “La Tempestad del 36”, inserido no documental La memoria recobrada, emitido en castelán pola RTVE, pode ser visto premendo aquí 
  • Sobre Alexandre Bóveda, información na páxina da fundación que leva o seu nome, premendo aquí
  • Sobre Castelao, presentación elaborada por Trafegando Ronseis: premendo aquí
  • A noticia da chegada do cadro a Galiza nalgunha prensa galega: Praza Pública