luns, 29 de outubro de 2018

Pasar a mellor vida



Coñeces algún cemiterio galego no que se organicen visitas para turistas?
Sabes onde está soterrada Asunción, a primeira muller rexistrada como vítima de violencia de xénero?
Hai algún cemiterio nos concellos de S. Cristrovo de Cea ou Piñor cunha escultura de Antón Faílde?
Sabes de cantas maneiras podemos expresar en galego o momento da morte?

Nesta entrada ofrecémosche algunhas ligazóns onde poderás encontrar resposta a estas preguntas:

  • O primeiro é unha selección que o xornal dixital Praza Pública fixo de doce cemiterios galegos e que podes consultar  aquí


  • Tamén che recomendamos que visites a páxina do concello de Piñor, onde recollen unha selección de monumentos funerarios ben interesantes. Entra aquí


  • Por último, e sobre a maneira de denominarmos a morte en galego, recomendámosche varias lecturas, segundo teñas máis ou menos curiosidade. Fíxate primeiro no que di Alonso Montero:


“O morrer é algo tan importante, orixina tal multitude de reaccións (tristura, xenreira, medo...) que, por forza, un idioma vese na obriga de forxar as denominacións concordes co mundo das inquedanzas que a morte provoca entre as xentes. O morrer non sempre se presenta como un feito grave ou doloroso. Xusto por ser un feito patético, unha terrible mágoa, é polo que o home inventa os eufemismos, é dicir, aquelas fórmulas que, aludindo a unha realidade tremenda, réstanlle tremendismo (finar, falecer, entregar a alma, irse etc. no canto de morrer). Tamén o humor, a rexouba e mais o xogo poden presidir algunha denominación cando concorren algunhas circunstancias (irlle gardar os pitos ó cura, ir dar esterco). Neses intres nós estamos por enriba da morte, perdémoslle o respecto, e podemos xogar a nomeala de cen maneiras expresivas. Non nos estrañe, pois, que a realidade “morrer” orixine en calquera lingua un feixe, non pequeno, de denominacións. Xesús Alonso Montero, “As duascentas vinte maneiras de morrer en Galicia” (adaptado)

Podes buscar algunhas desas maneiras na primeira unidade do manual Para dar trela
Se tiveres moita curiosidade, podes descargar nesta ligazón unha comparativa ben curiosa entre o galego e o alemán para referirse á morte (da páxina 83 a 97): 


De morrermos en galego ou de epitafios falaremos noutro artigo.

Imaxe: cemiterio de Loeda do blogue https://imaxesenanacos.com/2014/03/28/un-poeta/




luns, 15 de outubro de 2018

A derradeira leición do mestre



A derradeira leición do mestre é un óleo de dous metros de alto pintado por Castelao para un acto celebrado no centro ourensán de Bos Aires o  17 de agosto de 1945. O acto, instaurado por Castelao no seu exilio como o Día dos Mártires Galegos,  é unha homenaxe a Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936 por “traizón”. 

O óleo do 1945 ten a súa orixe nun debuxo, o número 6, de Galicia Mártir (1937), que xunto con Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938) foma parte dos coñecidos como Álbums da Guerra.

Do debuxo orixinal fixéronse miles de reproducións en revistas e, no ano 1939, a República converteuno nun selo, o de 90 céntimos. O propio Castelao iniciou unha longa viaxe que o levou nos anos 37 e 38 por varios lugares do mundo para describir os horrores da guerra en España através destes seus debuxos. 

Cando Castelao morre, en xaneiro de 1950, é dada a orde, desde a Dirección General de Prensa de Franco, de non facer mención ningunha na súa necrolóxica a “los álbumes de la guerra civil”, entre outras cuestións.


Por que estaba Castelao no exilio, no que morreu,  cando pintou o cadro? Quen era Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936? Onde está conservado ese cadro? Que simboliza?

Por que pinta Castelao eses Álbums da guerra? En que ano o fai e en que contexto? Cando puideron publicarse eses álbums na Galiza? Onde están conservadas as estampas orixinais? 



Castelao foi debuxante, pintor, escritor e político. En moitas das súas obras artísticas combina a literatura coa pintura e, en todas elas, agroma o seu pensamento político, condensado finalmente no ensaio Sempre en Galiza.


Para entendermos Castelao debemos coñecer a  súa obra de primeira man, ver os debuxos, os cadros, ler os textos. Debemos coñecer tamén o contexto en que vive para analizarmos despois cal era a súa intención cando crea, por exemplo, “A Marquesiña” de Cousas, os contos de Retrincos, o ensaio Sempre en Galiza ou o cadro A derradeira leición do mestre.


Non podemos entender a transcendencia de Castelao se non sabemos nada da Galiza da época en que viviu: das Irmandades da Fala, da intensa campaña a favor do I Estatuto de Autonomía (aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936 por unha enorme maioría do pobo galego), do golpe de estado do 18 de xullo de 1936 para derrocar a II República, da violencia, da represión, da posterior ditadura.


É moi difícil entendermos a dimensión do cadro na súa totalidade se non lemos algo sobre isto todo. No mínimo deberiamos ver os seguintes documentos:


  • Sobre a represión en Galicia, o episodio “La Tempestad del 36”, inserido no documental La memoria recobrada, emitido en castelán pola RTVE, pode ser visto premendo aquí 
  • Sobre Alexandre Bóveda, información na páxina da fundación que leva o seu nome, premendo aquí
  • Sobre Castelao, presentación elaborada por Trafegando Ronseis: premendo aquí
  • A noticia da chegada do cadro a Galiza nalgunha prensa galega: Praza Pública







luns, 2 de xullo de 2018

Lecturas con xénero

Iniciamos o descanso coas lecturas que fixemos ao longo do curso.

Despois deste tempo teño a certeza de que temos unha visión máis alargada do tema.

Esta selección está composta polas lecturas dos dous grupos do Clube de lectura e polas recomendacións que se fixeron ao longo deste tempo. Quedan cousas, claro. Máis nunca cabe todo nun blogue.





Nós tamén Navegar

Con este título quixemos homenaxear a Xohana Torres e a todas as poetas, e músicas, galegas.

Foi un proceso precioso como profe. Traducir Xohana Torres ao catalán, repartir libros de poemas, repartir músicas, discutir sobre os poemas, sobre as músicas, sobre as gravacións,..

Foi unha delicia, para min, oír estes poemas nas voces do alumnado.

Grazas

Os poemas están aquí. E algúns audios dos que gravamos.

Grazas a Xiko Paradelo polo deseño para a capa.

Grazas a Alicia e a Xiana por nos axudar cos cables e cos micros.

E a Martiño, que con paciencia subiu os arquivos ao soundcloud.



Día de Rosalía

Un día moi especial neste curso foi o concerto das Tetas Van no auditorio Manuel María do Carballiño.

No palco César, Alicia, Xiana, Rocío e Marta de Canela Cafuné leron o manifesto Abride a Fiestra que María Reimóndez tiña escrito especialmente para este día.


Despois quedamos algunhas persoas para entrevistar o grupo e Martiño Ramos, o profe de música elaborou este vídeo que lle deu tanto traballo.

"A muller na música", un dos temas deste curso do Club de Lectura dos que eu, particularmente, gocei máis...


Facendo memoria

Cando acaba o curso dámonos conta de que hai moitas cousas que, de non seren partilladas, poden quedar no esquecemento.
Por iso recollemos algunha nesta entrada. Para un día. Por se fixeren falta.

A primeira é un vídeo que a profe Conchi nos enviou cando estabamos tratando a muller na ciencia, despois de que o alumnado lese A señorita Bubble, de Ledicia Costas. Recordounos a Marie Curie e nós recordamos nese día dez mulleres galegas científicas.




sábado, 26 de maio de 2018

Letras ao vento



O fondo da festa, preparado por Infantil.

O 25 de maio celebramos na escola a Festa das Letras 2018 dedicada a María Victoria Moreno. Comezamos ás catro da tarde esta homenaxe presentada por César Bautista e Sara de 3º da ESO para ela e para todas as mulleres que continúan traballando día a día pola nosa lingua e pola nosa cultura. 

Deu inicio ao acto o alumnado de Educación Infantil cunha fermosa representación de “Nico e Miños”, un conto de María Victoria que podedes ver con pictogramas na seguinte ligazón grazas ao traballo do CEIP Anxo da Garda.

O alumnado de Infantil


A seguir, o alumnado de 6º de Primario representou unha selección de contos e anécdotas dos que podemos tirar aprendizaxe para a vida. Por iso decidiron chamar a súa intervención Contos da vida.

Alumnado de 6º de Primaria


A encargada da biblioteca, Ana, xunto con Sara, Mercedes e Conchi deron a coñecer os premios do concurso "Versos ao lombo" e repartiron os premios entre as persoas gañadoras das diferentes categorías. 


Persoas premiadas no concuro "Versos ao lombo"


O alumnado de 2º e 1º de Primario fixo unha lectura de versos da homenaxeada.
Aquí vos deixamos a súa selección de versos:

Do libro Eu conto, ti cantas…, editado por Edicións Xerais. Col. Merlín, 2005:

¡XA NON TEÑO MEDO! (fragmento)

Eu durmo na bufarda
porque son malo,
porque esperto de noite
e porque falo.

Mais mamá dixo
que podía chamala
de ser preciso.

* * *

Anque os primeiros días
pasei ben medo
coas sombras, cos ruídos
e co silencio,
souben axiña
que a noite é unha festa
moi divertida.

* * *
Cando a nai mata as luces
nace un silencio
que é redondo e escuro,
mais non dá medo

Cómpre afacerse
e as faíscas e as voces
logo aparecen

* * *

O reloxo da sala
óese ao lonxe
e eu agardo entre as sabas
que cante as doce,

para que saian
os diabriños que viven
na miña casa.

* * *

No armario máis pequeño
teño tres gatos,
un canciño de seda
e dez lagartos.
Dormen de día
e polas notes traman
mil ousadías.




Tamén leron versos de Mar adiante, o primeiro libro publicado por María Victoria Moreno en 1973, moi importante na historia da nosa literatura infantil e que, a pesar de ser unha novela, contén tamén poesía.


Eu escribín este libro
para ti, que o tes na man,
e vas ser por un tempiño
mariñeiro do Arroás.


Págome moito pensando
que te podo eu axudar
a descubrir os segredos
que conta o vento ao zoar.


Raparigos do Arroás,
fóronse as nubes do ceo
e érguese o sol dende o mar…
Non sexades preguiceiros
¡Vinde todos almorzar!


Veciños de Carballeira,
chorade polos paxaros
que voaron mar adiante
tristeiros e alporizados.


Cando o vento vén do monte,
do monte da Carballeira,
parécenos sempre que chora
cunha queixa moi tristeira.


As árbores da Carballeira,
os carballos silandeiros,
aínda soñan cos paxaros
que antes nela estiveron.


Ruliña sen niño,
paxariño pobre,
pechas os olliños,
non choras e dormes.


Ollando Portosouril
o vento da miña terra
coido que chama por min.


Se vos presta a poesía, non deixedes de ler o blogue Versos e aloumiños de Antonio Garcia Teijeiro, de onde foron tirados os textos. 



A xente de Secundario quixo aproveitar o acto para lembrar a todas as mulleres que coñecemos este curso: Alba María, música e improvisadora; Laura Romero, ilustradora e música; Cristina Asenjo, música e profe; Emma Lorenzo Casas, deportista e estudante; Julia Carballo e María Xosé Pérez, profesoras de Micobioloxía na Universida de Vigo; Lorena, María e Irene das Tetas Van; Marta de Canela Cafuné; Celina da Piedade, que nos ensinou a cantar a “Pinguinha d'agua” e o “Calimero” e que nos achegou o benquerido Alentejo; Antía Pousa, da Marcha Mundial das Mulleres con quen conversamos de feminismos e futuro; Iseo Agilda, música e contadora de contos; Nate Borrajo, actriz; Lydia Botana, coa que cantamos no Correlingua. Quixeron lembrar tamén a historia das Marías, as irmás Fandiño Ricart, que coñeceron aproveitando a viaxe a Compostela para celebrar a Regueifesta.

Recordáronnos as músicas do timbre deste curso: as Tanxugueiras, co seu primeiro disco a puntiño de saír; a Guadi Galego, con pontes en lugar de fronteiras; as cinco mulleres que forman a Banda da Loba e a súa homenaxe a Maria Victoria Moreno, Anagnórise.
Imposible nomear a todas as que leron: Maria Reimóndez, Ledicia Costas, Elvira Riveiro, Olga Novo, Begoña Camaño... ou oíron cantar e tocar.

A homenaxe deste día foi para elas porque sabemos que así lle gustaría a María Victoria Moreno, mestra de mestras, muller de pontes, ensinante, leitora, divulgadora, muller de afectos e letras. Muller que colocou as mulleres como protagonistas das súas obras, que traballou sempre, que amou sempre, que axudou sempre. Por iso recoñecemos nela a todas as mulleres que foron, son e serán. Recoñecéndose unhas nas outras.


Iniciou esta homenaxe o alumnado de 1º da ESO que preparou unha biografía cantada de María Victoria Moreno variando a letra dunha música tradicional que coñecían.

Esta era a letra, da que cantaron só algunhas estrofas:

Esta famosa muller-e
Naceu en Estremadura
Mais foi de casualidade
Non é d’ali a fermosura
-
Chámase Maria Victoria
E de apelido Moreno
Coñecía moitas linguas
Mais escolleu o galego.
Ailalá

P’ra cursar bacharelato
ela foi a Barcelona
aprendeu o catalán
E leu importantes obras.
-
Co gusto á literatura
foi para a Universidade
En Madrid fixo a carreira
Tamén grandes amizades
Ailalá

Profe de literatura
en Lugo e Pontevedra
Dedicaba algunhas tardes
Ás nosas letras galegas.
-
Iso estaba prohibido
Victoria foi castigada
Quitaronlle o pasaporte
P’ra terlle a boca calada
Ailalá

No ano setenta e tres
Publica o primeiro libro
Mar adiante se chamaba
Erache pr’os máis cativos.
-
Logo dese veñen outros
Todos eles en galego
Para o público máis novo
Como Os Contos para nenos
Ailalá

No fomento da lectura
Toda a vida atafegada
Traducindo e escribindo
ou a trabalhar nas aulas.
-
Ela foi mestra de mestras
Coma ela silenciadas
Unha muller pioneira
E por fin recuperada
ailalá

Témosnos que despedir-e
Lede a Victoria Moreno
E amade a nosa lingua
Ese é o noso consello
-
Aquí vai a despedida
Aquí vai a derradeira
Esperamos que vos preste
a nosa Festa das Letras
ailalá

Alumnado de 1º da ESO cantando a biografía de María Victoria Moreno

Despois da música de 1º, un grupo de alumnas da ESO (Nuria de 1º da Eso, Clara e Xiana de 3º, Alba, Alicia, Gisela e Laura de 4º da Eso) recitaron poemas escollidos entre textos de poetas galegas que foron lendo a partir de marzo. Con Xohana Torres e súa Penélope que tamén quere navegar iniciamos a viaxe que seguimos con Elvira Riveiro, Eva Veiga, Yolanda Castaño, Luísa Villalta, María Xosé Queizán e Teresa Moure.

Nuria, Xiana, Clara, Alicia, Gisela, Alba e Laura a ler poemas de autoras galegas.


Con outro poema, mais de María Victoria Moreno, continuaron as alumnas de 2º da ESO Nerea, Rocío, Uxía García e Uxía Álvarez:

CANTIGA (do libro Elexías de luz, Edicións Xerais. 2006)

Neste amencer de pombas indecisas
conversarei coas fontes
onde beben pesares cristalinos
as sombras que se axitan pola noite.
Esa lúa de prata
atopou o tesouro
que eu perdera na auga.

No laio dos farois agonizantes
evocarei os nomes
que acenderon lucernas balbucintes
nas fragas mestas onde os medos dormen.
Esa lúa de prata
atopou o tesouro
que eu perdera na auga.

Neste tremor de chumbo e de diamante
serei luz que se esconde
no ardor aceso que xerou os días
ou na xerfa esfiañada en surtidores.
Esa lúa de prata
atopou o tesouro
que eu pedera na auga.

No rubor das estrelas acaladas
achegareime á morte,
sentirei o feitizo dos seus ollos,
e o seu bico na fronte.

Uxía García, Nerea, Uxía älvarez e Rocío a ler Cantiga.



O alumnado da ESO finalizou esta homenaxe cunha música colectiva, “A voz das amigas”, un poema de Yolanda Castaño que as Leilía recolleron no traballo discográfico ConSentimento.

Serviu o texto, e a música, como humilde mostra de afecto e recoñecemento a todas as mulleres que traballan ao noso lado, día a día. As que viven nas nosas casas, as que traballan na nosa escola, as que habitan as nosas aldeas e todas as aldeas do mundo. As que apoiadas unhas noutras camiñan para frente con todos os mundos nas cabezas.

A miña voz, compañeiras,
non naceu para afastar.
Se non fose por vosoutras,

como ía camiñar?

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miña camarada,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miña camarada.

A miña voz, compañeiras,
tráioa para partillar.
Se non fose por vosoutras,
como ía camiñar?

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
dáme a man e farémonos grandes,
temos xuntas a forza dos mares.
Dáme a man e farémonos grandes,
temos xuntas a forza dos mares.

A voz das miñas amigas
Dame folgos pra avanzar.
Se non fose por vosoutras,
como ía camiñar?

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
todas xuntas non temos fronteira,
ven comigo, miña compañeira.
Todas xuntas non temos fronteira,
ven comigo, miña compañeira.

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miña camarada,
todas xuntas non temos fronteira,
ven comigo, miña compañeira.




Alumnado da ESO cantando A voz das amigas.

Fin da Festa das letras tocando e cantando o himno.