domingo, 23 de xuño de 2019

“A Terra Chá somentes é...”


Escrito para a revista O Picurí por Uxía Vázquez Pérez, Adrián Míguez González e Sheila de Sousa, 1º ESO



O día 12 de abril o alumnado do Club de Lectura “Levedar a Língua” acudiu a un roteiro pola Terra Chá para coñecer esta paisaxe tan querida por Manuel María, un dos autores que lemos neste curso.

O primeiro que visitamos foi o castro de Viladonga e o seu museo, no concello de Castro de Rei, un castro galaico-romano pertencente á coñecida como cultura castrexa e localizado nunha elevación a 535 metros sobre o nivel do mar, lugar desde o que se domina visualmente gran parte da chaira da Terra Chá. Comezou a escavarse no ano 1972 por M. Chamoso Lamas e foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 2009.


Castro de Viladonga, Castro de Rei


“Castro de Viladonga”

(…) Castro de Viladonga, círculo máxico,
símbolo do pai Sol e máis da Vida,
feito da mesma terra que o meu corpo,
arraigado no ser da miña tribo
como unha mao nobre e xenerosa
ou colo maternal, pois en Galiza
só hai feituras de colo e mao aberta.
Para quen, para que, por que
tantísima tenrura derramada…?
Castro de Viladonga, montón breve
de vellas pedras nas que vive
o silencio, a ruína, a soidade:
imaxe xusta e fiel da miña patria.

MANUEL MARÍA, Versos do lume e o vagalume, 1982





Pedregal de Irimia, Meira




Despois dirixímonos ao Pedregal de Irimia, no concello de Meira, lugar de nacemento do Pai Miño. O Pedregal parece un río de pedras organizadas coma un funil cunha extensión aproximada de 700 metros. Ao final deste funil apréciase un regato de auga que nace de numerosas fontes repartidas pola Serra.
Este lugar antes tiña unha paisaxe fermosa e víase desde os altos da Terra Chá, pero debido á plantación indiscriminada de eucaliptos, problema que se estende a toda Galiza, xa nin se ve desde o Castro de Viladonga. O responsable da fundación Manuel María díxonos que tiñamos sorte de ver o Pedregal aínda, porque dentro duns anos é probable que nin poida verse.


Despois do Pedregal de Irimia fomos á Carballeira de Santa Isabel, no concello de Outeiro de Rei, unha área recreativa onde xantamos e paseamos á beira dos ríos Ladra e Miño, que alí conflúen.

Este espazo natural, que foi campo da festa, tamén se chama “As Veigas” e nel atópanse a capela de Santa Isabel e un fermoso muíño. Tamén hai un monólito cun poema de Manuel María (“Carballos”: Terra Chá, dedicado ás árbores centenarias deste magnífico espazo natural). que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) colocou en homenaxe ao autor no ano 1997. 





Monólito en homenaxe a Manuel María, Carballeira de Sta. Isabel, Outeiro de Rei
"A vella, fermosa carballeira,
pon en nós un inquedo tremor respectuoso:
cada carballo é un ser vivo
que canta, sofre e ama.
A súa sombra é un enigma
na que non podemos penetrar
doadamente.
E a súa voz,
rouca e cambiante, ten
un tremor escuro de salmodia.
Que mensaxe nos quere transmitir
o seu canto humano e vexetal?"

MANUEL MARÍA, Ritual para unha tribo capital do concello, 1986


Pola tarde visitamos a Casa Museo Manuel María (“Casa de Hortas”), un espazo en que se atopa o legado de Manuel María, unha casa chairega onde o poeta pasou a infancia e ao que dedicou moitos versos. Alí atendeunos Antón Laxe que nos foi guiando polos diferentes espazos da casa e explicando a obra e importancia de Manuel María. Tamén lemos uns poemas que el escribira sobre a súa infancia e Antón fíxonos ver que, se cadra, a nosa vivencia era moi parecida a aquela que tivo Manuel María cando neno en Outeiro de Rei.

Podedes visitar este interesante espazo na seguinte ligazón e acceder a múltiples recursos, aínda que recomendamos visitala en persoa tamén: http://www.casamuseomanuelmaria.gal/portada.htm





(…) Eu nacín nunha casa moi fermosa
e, nela, deixei o meu pasado.
O tempo da nenez, o soño ousado
e a miña adolescencia tormentosa (..)

MANUEL MARÍA, Sonetos á casa de Hortas. 1997







A última parada antes de volver foron as Penas de Rodas, dúas orixinais moles graníticas situadas na parroquia de Gaioso. A erosión da auga deu lugar a estes dous bolos de gran tamaño e case esféricos. O lugar, cheo de simboloxía e lendas, é considerado un lugar de culto.




(…) As Penas de Rodas son
dous ollos alucinados
que espían con atención 
os eidos máis alonxados.

Se ambas penas se desfán
arde, co mundo, un tesouro:
unha pena é de alquitrán,
a outra trabe de ouro! (…)

MANUEL MARÍA, Terra Chá, 1954



Aquí tedes algunhas fotos máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario