Artigo escrito para a revista O Picurí por Andrea González, Antón Rodríguez, Adrián Fariña, 1º ESO
“O Carballiño faloume dereito ao corazón
e a súa voz
en min quedou, para sempre, sementada”
O día 14 de maio o alumnado de 1º da Eso e de 5º de Primaria fixemos o “Roteiro Manuel María” no Carballiño. Esta actividade foi organizada por varias escolas (O Carballiño, Maside e Cea) e pola AC Avantar, a agrupación cultural que editou por primeira vez O cantigueiro do Orcellón no ano 1984, un libro de poemas que o autor chairego dedicou á nosa comarca.
O roteiro está marcado na vila en varios lugares onde están escritos poemas pertencentes a este libro: Balneario, Praza das Galiñas, Concello, Fonte do Concello, Eira de Flores, Fonte de Flores e Veracruz.
![]() |
Balneario do Carballiño |
Comezamos a ruta no Balneario onde fixemos un xogo para formar grupos co alumnado doutras escolas. Con estes grupos fariamos as actividades marcadas ao longo da mañá. Alí o alumnado de Maside leu os poemas de Manuel María dedicados a Maside e Dacón. Pasamos por diante do auditorio, que agora se chama Auditorio Manuel María e onde hai unha placa dedicada a el.
![]() |
Praza Maior |
Continuamos ata á Praza das Galiñas onde lemos o poema “A feira” e despois fomos á Praza Maior, onde alumnado de Cea leu “Oseira” e “As panadeiras de Cea”. Despois fomos ao concello e á Fonte do Concello para ler os poemas das placas.
![]() |
Fonte do concello |
Na fonte iniciamos o segundo xogo que se desenvolveu entre a Eira de Flores e a Fonte de Flores.
Finalmente chegamos á Veracruz, onde un alumno de Cea leu o poema e fixemos o último xogo que consistía en pedirlle a alguén da rúa que lese un poema de Manuel Maria e que puidésemos gravalo en vídeo. Eran dez poemas escollidos da inmensa obra do autor que xa non estaban no Cantigueiro do Orcellón.
![]() |
Alumnado de Cea na Veracruz |
A actividade finalizou coa lectura dun fragmento do poema A Fala por alumnado das tres escolas. Este día pasámolo moi ben e fixemos novas amizades.
Aquí tedes o vídeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario