Artigo escrito para O Picurí por Andreea Larisa Matei, Samuel Rodríguez, Luna Rodríguez, 1º ESO.
En 1º da ESO traballamos a improvisación oral en verso nas aulas de galego, aprendemos como se constrúe unha regueifa e fixemos varias ao longo do curso.
No mes de xaneiro viñeron á escola Alba María e Sara Marchena para faceren con nós un obradoiro e aprender de dúas mulleres que xa son un referente na regueifa galega. Aprendemos, por exemplo, a importancia que ten o último verso e que non debemos contar as sílabas, senón aprender a melodía e crear versos que entren nela. O curso pasado xa estivera Alba facendo obradoiros con todo o alumnado da ESO, pero nós era a primeira vez que asistiamos a un.
Nese dia, algunhas persoas do ENDL de 4º da ESO aproveitaron para entrevistar Alba e Sara. Trataron cuestións ben interesantes como, por exemplo, a ferramenta tan poderosa que supón para unha persoa da nosa idade aprender a regueifar ou que ata hai ben pouco só se coñecía o nome de dúas mulleres regueifeiras, pero que iso non significaba que non existisen, senón que o contexto en que improvisaban sería doméstico, de tal maneira que non o facían en público e por iso se descoñecían os seus nomes.
Aquí tedes esa entrevista
E ti, que sabes da regueifa?
A forma de improvisación oral galega máis coñecida popularmente, a regueifa, conservouse cunha certa vitalidade até mediados do século pasado, especialmente na provincia da Coruña, na Costa da Morte.
Aquí van algúns nomes de regueifeir@s tradicionais en activo nos últimos anos: Florinda de Patricio, Lola do Panadeiro, Maruxa a Chevarria, Suso de Xornes, Benito Lobariñas, Luis O Caruncho, Ribeira de Louzarela, Guillermo de Rabadeira, Fermín da Feiranova...
O IES Maximino Romero de Lema, de Baio, em Bergantiños, está nun proxecto de revitalización da regueifa, Proxecto Regueifesta, xunto ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, para impulsar a regueifa como forma de participación social no proceso de normalización da nosa lingua. Ese proxecto está apadriñado por Aurora de Baio, regueifeira de 103 anos, e Xairo de Herbón, de 11 anos.
A regueifa sería un pan de voda, unha especie de dóce en forma de rosca, feito con fariña fina de trigo, ovos, manteiga, azucre e canela. Os asistentes á voda disputaban o reparto da regueifa cos cantares improvisados ao desafio. Tamén se chama regueifa unha danza que se bailaba nas vodas coa regueifa sobre a cabeza.
Son coplas cantadas a capela de catro versos, normalmente octosílabos, en que riman os pares.
En Lugo, a improvisación recibe o nome de brindo ou loia. En Ourense, fistores.
Pero hai moitas formas de improvisación oral por todo o mundo (Brasil, Cataluña, Portugal, Cuba…) que teñen características propias e que proban a importancia da expresión oral en todas as culturas e a súa función social.
Regueifar é unha boa maneira de resolver conflitos mediante a palabra, de gañar seguridade, de aprender vocabulario, de que a cabeza non se enferruxe.
Animámoste a regueifar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario