domingo, 23 de xuño de 2019

Correlingua 2019

O galego é a fórmula

Artigo escrito para O Picurí por Alicia Nogueira, César de Bautista, Clara Iglesias, Belén Suárez (4º ESO) e Samuel Nogueira, Aitiana Serrano, David Fernández, Rubén Rodríguez. (1º ESO)



O alumnado da ESO no Correlingua 2019
O día 15 de maio, o alumnado da ESO fomos ao Correlingua 2019. Este é un acto que se realiza anualmente para reivindicar o uso do galego en todos os ámbitos.

Cada ano o Correlingua ten un lema e o deste foi “O galego é a fórmula”. Este lema fai referencia á prohibición do uso do galego nas disciplinas científicas nas escolas. Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía poderían, segundo esta norma, impartirse en inglés, mais non en galego.
Relacionado con este tema, había diversos concursos: de pancartas, de manifestos, de banda deseñada e de vídeo.

Pola mañá fomos ao auditorio de Ourense, onde se anunciaron as persoas gañadoras dos concursos. Ademais, o grupo de Melide Cuarta Xusta deu un concerto e uns alumnos do seminario tocaron unhas pezas na gaita.
Cuarta Xusta no concerto do Correlingua en Ourense

Despois dos actos no auditorio, encamiñámonos cara á Praza Maior de Ourense nunha manifestación para defender a nosa lingua. 


Para esta actividade, o alumnado de 3º e 4º da ESO elaborou un manifesto que presentou a concurso. Nel facemos referencia a semente que supón o alumnado galego falante e a necesidade de que esta semente medre nas xeracións máis novas. O manifesto chámase A Cerna da Lingua, como o blogue de 4º da ESO, que podedes consultar aquí


A CERNA DA LINGUA


Aquí estamos.
Dentro do primeiro círculo concéntrico,
na orixe do mundo.
Múltiples, diversas, diferentes… mais xuntas
Coladas entre nós coa forza das palabras.
Firmemente.


Duras, resistentes
no centro do universo.
Sabedoras do cheiro da auga e das castañas,
do sabor da nébeda,
da calor da pota de caldo e do forno de leña.
Expertas en alquimia. 
A fórmula somos nós.


Aquí estamos.
No corazón do castiñeiro.
A bailar xuntas en círculo máxico
e medrar para fóra.
Unha vez e outra vez e outra e outra máis...
Imparables neste deseño perfecto.


A fórmula somos nós.
Intactas despois do lume
ou da podremia.
A termar da árbore arredor nosa
con tanta forza que permanecerá en pé
até despois de térmonos ido.


E dicimos hidróxeno, osíxeno e pan
cando remexemos con forza a mestura
e deixamos levedar
e cocemos no forno
e multiplicamos a masa
por cen, por mil, maxicamente...


Coñecemos a fórmula, a química, a física.
Somos A Cerna da lingua.
A esencia, o núcleo, o corazón, a parte máis dura e resistente.
O xerme e o elo.
No castiñeiro ou no pan.
Posuidoras do segredo.
E ti, sabes xa cal é a fórmula?


Está en nós: o galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario